La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

As persoas que viviron durante a República e que recordan as incidencias máis espectaculares da vida parlamentaria adoitan referirse con nostalxia aos xogos de enxeño e ás ocorrencias con que moitos deputados adornaban as súas intervencións nos debates das Cortes. Algúns destes floreos verbais teñen hoxe a categoría de lendas, como a réplica fulminante que un coñecido político da dereita lle deu a un colega radical que o acusou de usar calzóns con botóns de prata: “Nunca sospeitei que a súa muller fose tan indiscreta”.

Confeso que este tipo de parlamentarismo, tan produtivo para amenizar tertulias e reunións de amigos, a min nunca me impresionou. En vista do que sucedeu despois, é dicir, a guerra e as súas consecuencias, a un ocórreselle pensar que ese derroche de imaxinación e de talento sería moito máis útil se aqueles políticos espelidos o tivesen empregado en buscar solucións que evitasen a traxedia.

Despois do debate celebrado o outro día no parlamento para falar do paro ou o desemprego, apareceron na prensa varios artigos que se laiaban precisamente do aburrida que fora a sesión, tan pexada polos números, e que botaban de menos as grazas, as agudezas e as saídas doutro tempo. Trátase dun xuízo que se non é frívolo, polo menos parece adolescente: a reivindicación primaveral do mundo como xogo e como festa. Non está mal para divertirse; o que está por ver é que o parlamento teña que ser unha verbena.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de marzo de 1993.