La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O luns pola noite, como contei onte, estaban agardando por min Alfredo Bryce Echenique e Pepe Esteban. Marchamos nun coche cara ás Docas, a buscar un lugar tranquilo onde falar con calma. Aínda que atopamos un sitio excelente, a tranquilidade non foi a característica principal da nosa conversa. Bryce pasa agora por un período de non abstinencia e aos dez minutos de estarmos xuntos xa tiña convertido a reunión nun circo absurdo e disparatado, como se fose Martín Romaña, o célebre personaxe dunha das súas novelas.

Empeñouse en acusar a Pepe Esteban, amigo íntimo seu, dun acto que este non estaba disposto a aceptar, pois afectaba á súa dignidade. Todo viña dunha viaxe a Perú, na que Pepe foi visitar a nai de Alfredo por encargo do seu fillo. O resto resúmese nunha frase que se repetiu centos de veces na noite: “Vomitaste a mi mamá”.

Pepe Esteban dicía que iso era unha mentira, que aquela noite, cando foi de visita, estaba completamente sobrio, porque ademais sabía que se ía encontrar cunha gran dama. Como réplica, Bryce puña de testemuña a Fortunato, o mordomo da súa nai, que llo tiña contado. A partir de aí, a loucura foi subindo graos, tantos que eu cheguei a temer que as miñas gargalladas acabasen sendo motivo de expulsión do local. Unhas horas despois, un taxista deixounos no hotel. Cando subín a durmir, os meus amigos seguían discutindo no bar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de marzo de 1998.