La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Dos profesores que recordo estes días, venme á memoria a imaxe bondadosa dun santo varón que tiña dificultades para pronunciar correctamente algúns vocablos, de xeito que dicía complemento «direuto» e outras gramaticalidades polo estilo, pero que recordada sempre a necesidade de ser coidadosos coa dicción. Un exemplo que adoitaba poñer para que non incurrísemos en defecto, era a necesidade de procunciar ben a palabra «ajetivo», que cando el se esmeraba en dicila correctamente lle quedaba convertida nun «azjetivo» escandaloso, forte como un trono.

Contábase del que suspendera as oposicións catro ou cinco veces e que case sempre fora por problemas derivados da súa escasa cultura, o que tampouco se preocupaba por remediar. A súa vida de paisano inofensivo e inocente trancorría no café, brisca vai e brisca ven, e no chateo vespertino, costume que lle foi tornando a cara dunha cor vermella graciosa e inconfundible, co xeneroso nariz convertido nun respetable pemento morrón, sobre todo no inverno. Resulta compresible que xeracións e xeracións de estudantes lle chamaran «Narizonas».

Nunha das oposicións suspendérano porque ao bolo alimenticio lle chamou «bollo», sen dúbida convencido de que a forma correcta soaba demasiado a cousa inculta. Cando lle fixeron ver que se equivocara, protestou, e empeñouse en dicir que «bolo» era galego e que tiña que ser «bollo» en castelán. Non ía máis alá. Era, sen embargo, unha boa persoa, traballador e preocupado polos seus alumnos, especialmente cos que viñan da aldea como el, ós que lles recomendaba que non probaran o viño e que procurasen facer boa letra. A letra del era solemne e redonda, cunhas «D» maiúsculas que parecían abanicos de señora.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de marzo de 1992.