La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un bicho pequeno e duro

Onte pola tarde, mentres descansaba na casa, púxenme a ollar unha revista estranxeira, non tanto para ler, que non tiña ganas, como para mirarlle os santos e pasar uns momentos sen facer nada especial. Chamoume a atención unha fotografía na que se vía un grupo bastante numeroso de rapaces chineses recentemente fusilados. Estaban tirados no chan, todos cun cartel sobre o peito, rodeados de xente de uniforme, e de fotógrafos facéndolles retratos. As caras, en xeral, non expresaban dramatismo, quizais só resignación.

A foto ilustraba unha reportaxe sobre a pena de morte en China, un castigo que se aplica con frecuencia e que, segundo parece, non é mal visto pola maior parte da poboación. Exactamente igual que o que sucede en Estados Unidos, onde se dá por descontado que hai que matar as persoas responsables de determinados delitos.

Cando estaba lendo esta reportaxe caeume sobre a folla da revista un bicho pequeniño, pero duro, pois fixo un ruído clarísimo ao bater contra o papel. Andou dando voltas arriba e abaixo, parando aquí e alá. Confeso que resultaba moi relaxante observalo, intrigado por saber que cousa andaría buscando: probablemente algo de comer. Por suposto que me pasou pola cabeza a idea de que, se eu quixese, podería esmagalo, acto que non cometín. Aínda que sexa una vidiña de nada, o mundo está mellor así.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de febreiro de 1997.