La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai dous ou tres días falei aquí do Tío Perneta, un personaxe da miña infancia a quen tiven por un home malo durante anos. Alguén me recorda agora que a palabra que empregou un día contra a miña nai non foi “cornufiera”, como eu pensaba, senón “lucifera”, que ten máis sentido. Tampouco me acordaba de que o enfado daquel home tivese que ver cunha censura amable, pero firme, que recibiu oportunamente por algunha falta cometida no traballo. Por último, o de Tío Perneta non lle gustaba; chamábase Señor Francisco.

Quen o recorda mellor ca min asegúrame que non era exactamente malo, senón fungón e roñeta. Tiña unhas poucas cortizas na horta que lle daban un mel magnífico, moi apreciado polos curas dos arredores, que ás veces o convidaban ás reitorais. Falaba coas abellas como se fosen xente, razón pola cal nunca o picaban.

Polo visto, era valente. Foi o único home da aldea que perseguiu a pé, pola noite, amparándose en muros e árbores, os asasinos do cura, que estaban aconchabados coa criada. Perdeulles o rastro na Costa de Canedo, baixando cara a Quintela. O traballo parece que non lle gustaba. Polo demais, contaba ben os contos, especialmente os referidos a lobos e atracadores. Morreu de vello, pobre e tranquilo, medio seco polos anos. A memoria que queda del non é mala. Desquitando a voz, que era como unha corneta desafinada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de febreiro de 1995.