La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nun daqueles exámenes de reválida que era necesario pasar nos meus tempos de estudante, na proba de matemáticas puxéronnos un problema que tiña pouco que ver coa materia estudada, na que había abundancia de teoremas e ecuacións. Por esa razón produciuse un grande desconcerto, sobre todo entre os alumnos denominados chapóns, pouco dados a calquera alteracións que introducise o máis pequeno desorde na ben regulada mediocridade que con tanto esforzo cultivaran durante meses e meses de aplicación.

Escuso dicir que houbo máis que desconserto, pois aos poucos minutos de que nos entregaran a papeleta coas preguntas, foise dormando un xordo murmurio que pasou rapidamente da sorpresa á indignación e que rematou en pranto. Á miña beira tiña eu a un compañeiro que ao falar prendía no «erre» e que non facía máis que repetir, a maneira de interxección, unha palabra excremental que por levar a letra da súa desgracia estratéxicamente colocada, convertía a súa irritación nun asunto bastante cómico.

A proba consistía nun deses xogos matemáticos que aparecen agora nos libros de pasatempos matemáticos e que requiren, para resolvelos, unha pouca atención e unas gramos de lóxica. Non resisto as ganas de reproducila aquí, coa esperanza de que os lectores se divirtan un pouco e esquezan por uns momentos a televisión. Trátase de substituír por números as letras que parecen nos factores e o resultado da seguinte suma: SEND + MORE = MONEY. Con algo de paciencia e un lápiz, está feito. Tanto ten o tempo que se tarde.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de febreiro de 1989.