La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un día, visitando un museo sueco, reparei nunha especie de pipote de madeira cortado pola metade, cunha forma lixeiramente elíptica. Como non estaba rotulado, quedei coa curiosidade de saber para que servía. Antes de saír, descubrín unha rapaza de uniforme que estaba arrimada contra unha parede e  decidín preguntarlle. A moza, cun sorriso pícaro, díxome que era unha bañeira típica das casas de campo, moi popular en Suecia ata o século XVIII, e que os obxectos de arredor tiñan todos que ver coa hixiene corporal.

Entón decateime de que nos museos de Galicia nunca vin nada semellante, nin nos do resto de España, o cal me levou a preguntarme como se arranxaría a xente de aquí para bañarse cando aínda non había baños. Unha hipótese extrema sería tirar a conclusión de que case ninguén se bañaba. Un amigo meu di que iso non é razoable.

A algunhas familiares e amigas que pasaron por internados alá polos anos cincuenta téñolles oído contar a complicada relación coa auga que estaba establecida naqueles centros, nos que as rapazas debían entrar na ducha cubertas cunha túnica. É polo tanto máis que probable que iso do baño non fose costume moi frecuente en Galicia, o cal tampouco debe ser motivo de vergonza colectiva. Moito peor sería encher agora os museos de bañeiras para disimular. Despois de todo, a xente non se fixa demasiado nestas cousas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de febreiro de 1994.