La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

As persoas que coñeceron o escritor Ánxel Fole saben que era un home peculiar, mestura de bohemio descoidado, polo aspecto, e de señor distinguido, polo espírito. Gustábanlle as definicións precisas, pois tiña a preocupación da linguaxe, que cultivaba con mimo. Nunha ocasión pasei con el varios días en Lugo, conversando diante dunha gravadora durante horas, co propósito de facer un libro. Publiqueino pouco despois e lamentablemente non foi do seu agrado porque puxen nos seus labios unha frase que me dixera, pero que non lle gustou ver reproducida por escrito: unha cousa fea que lle chamou ao xeneral Mola.

Unha tarde, nunha daquelas longas tertulias, houbo un momento no que me falou da soidade, sentimento para min case descoñecido, en parte porque sempre me levei ben comigo mesmo. Foi quizais por iso polo que non conseguín entrar na reflexión que el propuña. Eu imaxinaba a Fole como un home en permanente diálogo interior.

Sen embargo, coñecendo o seu gusto polas definicións, pedinlle que definise a soidade. Quedou calado, e despois, coas palabras envoltas no fume que lle saía a bafaradas pola boca, dixo: “A soidade é a soidade”. Nunca máis volvín pensar nunha frase que naquel momento non me impresionou demasiado. Acordeime dela onte, mentres paseaba só polo bosque. E cheguei á conclusión de que se trata dunha boa definición para aqueles que saben en que consiste a soidade. Comenteino despois por teléfono cun amigo pouco dado ás metafísicas, que me dixo: “Por suposto. Tamén un grilo é un grilo. E come verzas”. Agradecinllo moito, porque andaba eu onte demasiado transcendente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de febreiro de 2000.