La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos, en plena crise do petróleo, un día escoitei en Londres a un charlatán árabe que, desde o alto dun caldeiro de plástico, en Hyde Park, estaba botando un espiche patriótico en contra dos europeos. Todo canto de bo existía no mundo ademais o petróleo, desde os números ata a música, era creación dos seus. A parte máis graciosa do espectáculo, non obstante, estaba do lado do público. Os humillados asentían case todos con acenos da cabeza, como pedindo perdón por non ter nacido en terra de mouros.

Nos Estados Unidos, especialmente no mundo intelectual, hai agora moitos homes brancos que case piden perdón por non seren mulleres e negras. Un coñecido profesor, Martin Bernal, publicou hai tempo un libro no que trataba de demostrar que a cultura grega era de orixe  africana e de cor escura. Tivo un grande éxito.

Non tardaron en aparecer teorías que ían un pouco máis alá e que defendían a tese de que tanto Sócrates como Cleopatra eran negros. Recentemente, como reacción contra estas afirmacións, outros profesores decidiron desmontalas con argumentosque semellan bastante razoables. De maneira que xa temos aquí unha especie de guerra arredor da coloración da pel  algunhas relevantes figuras históricas. Con todo, sería mellor dedicar estes esforzos a unha cuestión máis importante: branco ou negro, ¡que máis ten!

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de febreiro de 1997.