La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei algunhas horas da tarde do domingo lendo o avance das memorias do periodista australiano Phillip Knightley, que publicou a revista Granta. De todas as mentiras que este brillante xornalista contou ao longo da súa carreira, a que lle deixou máis remordementos foi unha historia que inventou por necesidade de pisar a competencia cando traballaba no Truth, un periódico australiano especializado en divorcios que dispuña dun grupo de detectives encargados de meterse debaixo das camas para pillar adulterios.

Un día, Knightley, encirrado polos seus xefes para sacar algo gordo, inventou a historia dun delincuente sexual descoñecido, pero nomeado Hook, que operaba no tren de Sydney. Tratábase dun individuo que levaba un cable metido pola manga dereita da  súa chaqueta, no cabo do cal había un gancho ou hook disimulado.

Finxindo ler un periódico, o imaxinado delincuente achegábase ás mozas guapas que viaxaban soas, de pé, e co artiluxio do cable e do gancho erguíalle as saias para mirarlle as pernas. Confesa Knightley que conforme escribía esa historia, máis entusiasmado se sentía co seu invento. Se chegou a sentir vergonza por aquela mentira, foi por unha derivación inesperada: cando o xefe da policía o chamou por teléfono para darlle as grazas pola axuda que supuxeran as súas crónicas para deter, por fin, ao temible Hook.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de febreiro de 1998.