La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte escoitei unha conversa que parecía máis propia dun programa de televisión, deses nos que se exhibe a intimidade sen pudor, que da vida real. Era un señor duns oitenta anos, de aspecto pulcro, incluso atilado, que falaba da súa muller, presente no acto, diante dun amigo. Dicía que era mala. A verdade é que a señora non tiña aspecto de santa, pero tampouco  parecía o ser perverso e ruín ao cal se refería o seu home. Delgada e de nariz ganchudo, cos ollos pequenos e negros como moscas, permanecía ausente.

Polo que entendín, era xorda. Debía selo porque, a pesar das cousas tremendas das que estaba sendo acusada, non amosaba ningún tipo de emoción nin desgusto. As acusacións ían desde as trampas que fixera para casar, hai sesenta anos, ata a falta de atención que lle prestaba á casa e o mal costume que tiña de gastar.

Soamente puxo cara de sorpresa cando o home contou que perdera os dentes e que a cousa lle custara varios miles de duros. Nese momento, ela deixou escapar un salouco e a continuación comentou algo que non entendín, pero que foi respondido cunha frase brutal e irreproducible. Arrebatado polo que acababa de dicir, o marido púxose aínda máis furioso e dixo en voz alta que, ás veces, cando está pelando as patacas co coitelo, ten que rezar para espantar malos pensamentos. Ogallá siga rezando.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de febreiro de 1997.