La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Antes de dedicarse á política, Jon Idígoras quixo ser “torero”. Mesmo tiña un deses nomes aflamencados que utilizan as xentes do ramo, como corresponde a alguén que, como el, participou en corridas de cartel como matador. Hai un par de anos, os periódicos recolleron a recensión dunha conferencia que deu en Bilbao sobre o mundo dos touros. Despois de facer unha defensa da festa, respondeu a algunhas preguntas, unha das cales lle deu pé para dicir que os ingleses non debían criticala porque era moito máis cruel a caza do raposo.

En realidade, o que sempre lles molestou aos ingleses, que como se sabe son grandes amantes dos cabalos, é o espectáculo repugnante de ver estes animais destripados na praza e ridiculizados polos espectadores mentres agonizaban. Esa foi a imaxe que lles transmitiu Ford, aquel famoso viaxeiro que visitou España no século pasado, e que moitos deles conservan como un tópico desde entón.

Non se entende, non obstante, que Jon Idígoras entre nesa polémica desde a perspectiva da crueldade. Hai aínda un par de días declarou que o dereito á vida non é o único dereito das persoas, unha evidencia que carecería de sentido se non ocultase o verdadeiro significado que se quere transmitir: está xustificando matar. Instalado nesa filosofía, que sexa máis cruel a caza do raposo que practican os ingleses que as corridas de touros españolas, resulta unha trivialidade. É infinitamente máis cruel a morte dos homes que xustifica Idígoras.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de febreiro de 1993.