La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O domingo pola mañá, cando lle fun facer compañía durante un par de horas ao amigo Antón Risco, morto na víspera, non puiden evitar que a nostalxia se me subise ao sitio onde se sobe, que non sei se é o corazón ou a cabeza. Tanto ten. O caso é que, nun momento, alí nos xuntamos espontaneamente un grupo bastante nutrido de antigos contertulios da tertulia de don Vicente. Estaban Arturo Lezcano, os pintores Virxilio e Pepe Conde Corbal, o escultor Arturo Baltar e supoño que algún máis. Os mesmos daquela época, pero máis vellos.

Pasaron xa case corenta anos. Entón, se mal non recordo, Antón era funcionario dalgunha cousa oficial, quizais de emigración, o cal lle permitía estudar na oficina, pois andaba a voltas coa licenciatura en Letras. Contaba historias divertidísimas da súa experiencia, nas que se notaba a admiración polos paisanos e a ironía cos burócratas.

Onte, na súa presenza, recordamos algunhas. Chamoume a atención que todos nos referiamos a el como se estivese vivo entre nós, incluso a súa viúva. Non faltaron as notas de humor, máis propias dunha xuntanza de amigos que dunha reunión mortuoria. Estou seguro de que ese sería o tipo de velorio que lle gustaría a el. Non se pode facer con todo o mundo, pois cada un vive a propia morte dunha maneira diferente. Para Antón, morrer non era un drama, senón un feito natural. Tan natural como a vida mesma.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de febreiro de 1998.