La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Era o Botita un tipo inocente, antigo mineiro nos EUA, barallán con pretensións de ilustrado, que presumía de falar inglés aínda que dificilmente sabía contar ata dez nesa lingua. Cada vez que na aldea se producía algún suceso prexudicial para alguén, antes de que se coñecese o culpable, xa tiña el a explicación preparada: “Cousas do señor abade”. É certo que o cura era algo senvergonza, sobre todo en cousas de saias, un asunto que nalgunha ocasión o levou a tirar de pistola para defender unha presa que lle debían birlar.

Pero nada máis que iso. Unha vez, en plena guerra, apareceu un home morto na Costa das Carrizas, vítima evidente e recoñecida dunha das clásicas represalias políticas daqueles anos. Aínda que todas as probas sinalaban como culpable a un canteiro da comarca, que incluso chegara a facer alarde da súa intervención no caso, o Botita seguía impertérrito: “Seguro que obedeceu ordes do señor abade”.

Empezaron a aparecer xa nos periódicos destes días os artigos, tan esperados como inevitables e aburridos, que buscan os verdadeiros culpables do asasinato das tres nenas valencianas. Aínda tardaron bastante. Como todo o mundo sabe, a explicación real, coa agravante engadida de que é tamén a versión oficial, resulta demasiado simple para unha mente esixente e profunda: os que mataron as rapaciñas non son, como é lóxico, os que as mataron, senón os que fixeron posible que aqueles as matasen. É dicir, o cura da miña aldea.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de febreiro de 1993.