La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De todos os curas aos que lles confesei os pecados cando era máis bo e inocente do que son agora, había un que recordo con cariño porque sempre se mostraba comprensivo e xeneroso: nunca rifaba. Escuso engadir que tiña bastantes anos e que o entendía todo. Eu andaba daquela preocupado por algunhas teorías que non me casaban ben coa doutrina aprendida na igrexa. Recordo que un día, despois de confesarlle os meus escrúpulos, díxome que as teorías, aínda as mellores, só servían para romper a cabeza.

Non direi que esa é a razón que me levou a desconfiar dese tipo de entramados ideolóxicos, pero algunha influencia debeu ter. A primeira vez que vin o reverendo Pat Robertson predicando na televisión americana, acordeime do meu vello  confesor: nada parecido. A diferenza que pode haber entre un chourizo e un pastel.

O predicador Robertson é hoxe un dos fundamentos do puritarismo que percorre América. Ten unha teoría: existe unha conspiración mundial, que se iniciou o día 1 de maio de 1776 en Bavaria, e que persegue con éxito a destrución do cristianismo na sociedade americana. Esa bobada goza dunha aceptación reverencial entre moitos cidadáns daquel país. Supoño que como teoría non vai romper o cerebro de ninguén, a non ser que lle dean con ela directamente na cabeza, que é como adoitan rematar estas cousas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de xaneiro de 1995.