La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando despois de descolgar o teléfono escoitei a voz dun amigo que me propuña cear na súa casa aquela mesma noite, por uns instantes pasoume pola cabeza a idea de que a velada podía ser bastante aburrida. Era o mesmo día da folga xeral e non custaba imaxinar que ese acabaría sendo, de maneira inevitable,un dos temas de conversa na tertulia. Aínda así, acepteia invitación, pero convencido de que ía escoitar repetidos os mesmos argumentos, a favor e en contra, que xa escoitara durantedías na radio e na televisión.

Atravesei a cidade en coche, que aparecía chea de xente  con aspecto de domingo, deambulando polas beirarrúas sen rumbo fixo, buscando quizais algún dos bares e cafeterías que a aquelas horas empezaba a abrir as portas. A única anomalía que presenciei foi a enorme cantidade de colectores de lixo que estaban volcados.

A sorpresa foi a cea. Despois do café, ao dono da casa ocorréuselle enchufar un deses aparatos modernos que reproducen discos con imaxe e son, e puxo, para facernos unha demostración da marabilla, as Vésperas da Virxe, de Monteverdi, cos coros e a orquestra dirixida por John Eliot Gardiner na basílica de San Marcos de Venecia. Non puido apagar. Durante dúas horas estivemos todos caladiños, fascinados polo canto, polos mosaicos, pola música. Cando acabou o concerto, na pantalla apareceu de repente o señor Anguita.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de xaneiro de 1994.