La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei toda a tarde de onte facendo o vago. Primeiro fun comer con tres amigas, as tres, estudantes da Universidade de Vigo, e falamos tanto e durante tanto tempo que acabaron botándonos do restaurante como se bota os pesados, é dicir, presentándonos a nota antes de pedila. Non é que tivésemos nada importante que tratar, pero a conversa resultaba agradable e entretida, de xeito que o tempo transcorreu sen sentilo, que é o que sucede cando o tempo se regala, non porque teña pouco valor, senón porque, precisamente, ten un valor inmenso. Sería pouco elegante obsequiar os demais coas cousas que non serven ou nos sobran.

Despois, unha das rapazas e mais eu entramos nun café para seguir falando do que nos gusta, algo que moitos pensarán que é unha pesadez, pero que a nós nos encanta: os últimos libros lidos, algún poema compartido, historias recordadas e todo iso que anda arredor da literatura, que non é outra cousa que o mesmo que anda arredor da vida.

A miña amiga, que estuda o primeiro ano da carreira, quere ser escritora. En realidade, como é lóxico, xa escribe. Polo tanto, cóntame os seus proxectos e preséntame as súas dúbidas. Destas últimas ten moitas, o cal é un bo sinal, segundo fun aprendendo cos anos, despois de tratar a moita xente segura que non tiña ningún interese. As persoas que dubidan, en xeral sempre resultan máis interesantes que aquelas que o teñen todo claro. Foi o que lle dixen a ela. E con esas cousas foron pasando as horas, ata que chegou a noite e había que ir pensando en marchar para a casa. Eu non sei o que pensaría a miña amiga cando quedou soa. Eu empecei a pensar se non serei xa un avó ceboleta.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de xaneiro de 2000.