La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Creo que teño falado aquí algunha vez dunha señora de Beiro, preto de Ourense, que dicía que escoitaba tusir os mosquitos pola noite. Esta muller, que contaba unhas historias fantásticas e que tiña fama de ser algo rara, aseguraba tamén que unha vez vira un enterro de lobos: catro deles levaban a lombos os restos dun compañeiro abatido a disparos, mentres outros cen camiñaban detrás en silencio, perfectamente formados en filas de a dous. Non recordo máis detalles, pero o conto era longo e fascinante.

Onte, cando eu volvía en coche desde Ourense, no camiño vin tres raposos mortos, todos vítimas do tráfico. Non é que pensase no enterro dos animais, como aquela señora de Beiro, pero si na súa desaparición e as súas consecuencias, sobre todo para as familias. Supoño que a tristeza vale para todos, incluídos os bichos.

Uns quilómetros antes de chegar á casa, levei diante, durante bastante tempo, un camión cargado de porcos. Non o pasei ata O Porriño, cando se desviou para meterse no matadoiro. Non puiden evitar que me viñese á cabeza a comparación cun cargamento de condenados a morte entrando nun campo de exterminio. Xa sei que é falso e que a razón di que non ten sentido trasladar sentimentos humanos de piedade ou de compasión ao mundo dos animais. Ás veces, non obstante, convén deixarse enganar polo corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de xaneiro de 1997.