La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Esta señora Helena da que falei onte aquí, xa dixen que era moi xorda. En realidade non oía nada, guiábase máis ben polos labios da xente que se dirixía a ela. Aínda que entendía case todo, ás veces comprendía as cousas do revés, polo que non resultaban raras as situacións cómicas, sobre todo para os rapaces da casa. Un día, un primo meu pediulle que lle preparase a merenda e respondeulle que non había nada que ir comprar á tenda. Inocencias como esta a nós parecíannos divertidísimas e facíannos rir.

Como ocorre con frecuencia cos nenos, a risa viña nos momentos menos apropiados, de maneira especial á hora do rosario, que rezabamos na cociña da lareira polas noites, antes de cear. Ese primo meu da merenda era especialista en provocar o escándalo con xestos, mentres el se mantiña serio, coas mans dereitas.

Unha noite, como consecuencia da xordeira, ao chegar as ladaíñas, a señora Helena andaba descoordinada e ía algo adiantada respecto dos demais. O primo do que falo colocouse detrás dela e púxose a facer como que lle daba corda cunha manivela. Pillárono in flagranti, entre eles a propia burlada. Non obstante, cando a nai daquel demo se dispuña a zurrarlle, quen llo arrincou das mans foi precisamente a ofendida. O argumento que empregou foi apabullante. Dixo que o rosario era demasiado aburrido para os nenos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de xaneiro de 1996.