La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Había en Ourense un señor, alá polos anos setenta, boa persoa e moi ben educado, que tiña a mala sorte de caerlle mal a Pepe Suárez, o famoso fotógrafo nacido en Allariz. Para min, aquela mala relación persoal, que nunca traspasaba os límites da cortesía por ambos os lados e que se reducía a pequenas chinchorradas de tipo verbal que Suárez lle deixaba caer ao outro de vez en cando, resultaba incómoda porque lles quería ben aos dous. Unha noite, estando sós Pepe e mais eu no desaparecido Café Miño, pregunteille con toda a cautela do mundo, para non provocar nel unha explosión de furia, pola razón daquela antipatía.

A miña sorpresa foi grande porque tiña sospeitas de que a cousa viña da política, pois para Pepe ese era un motivo frecuente de animadversión contra todo aquel que non fose republicano, que non admitise a supremacía intelectual de Unamuno, amigo seu, sobre calquera outro intelectual español ou que non odiase a Franco arrebatadamente.

Feita a pregunta, Suárez, que estaba tomando un té, quedou un momento coa taza no aire e díxome sen irritación de ningunha clase: “Ese individuo é a persoa que sabe máis cousas inútiles de toda Europa. Estou seguro que, se llo preguntas, coñece o nome do inventor da salchicha”.  Logo acabou o seu té e seguiu falando de outros asuntos. Pois resulta que, anos despois, eu acabo de saber unha desas cousas inútiles, concretamente de que iso que os americanos chaman hot dog, que os portugueses traduciron por cachorro quente e que espero que en galego non teña nome, inventouno un tipo chamado A. L. Feutchwanger. Tratarei de olvidalo mañá por respecto a Pepe Suárez.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de xaneiro de 2000.