La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Segundo me contan, empeza a haber xente que se dedica a insultar as señoras que levan abrigos de peles. Xa coñezo a varias mulleres que foron interpeladas na rúa, parece que dun xeito insolente nalgún caso e simplemente irónico noutro. A unha delas, unha rapaza preguntoulle se non tiña calor con tanta pouca roupa como levaba. A outra chamáronlle guarra. Supoño que debe haber tamén maneiras máis amables, incluso pintorescas, como esa parella que o outro día paseou por Madrid en pelota como forma de protesta.

A min, este amor desaforado polos animais faime desconfiar, como todas as manifestacións radicais de calquera cousa. En xeral, custa crer que haxa persoas tan sensibles, ás que se lle  rompe tanto o corazón pola sorte dos bichiños, aínda que non de todos, pois non protestan así pola mortandade en que se basea a industria do calzado.

Tampouco coñezo a ninguén que se indigne polos millónsde vacas que se matan no mundo cada ano, nin polos cabritos, os polos, os peixes, os paxaros, toda esa fauna universal que arrasamos cada día. Mellor dito, sei que hai países onde a xente interrompe unha escavación para salvar unha miñoca, por exemplo. Pero iso ocorre lonxe, en terras onde están prohibidas a caza e a pesca e onde a dos carniceiros é unha profesión innobre. Naturalmente, é xente que ama os bichos, pero que non deixa de ser delicada cos seres humanos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de xaneiro de 1994.