La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha emisora parroquial que había na miña vila alá polos anos sesenta, na que eu escribía programas e lía noticias, tiñan un par de señores que contaban chistes. Un deles, que era completamente pelado, actuaba como estrela os días de festival, é dicir, cando a emisión se facía nun cine local, cara ao público. O pobre carecía de calquera graza, pero abondaba que aparecese no escenario para que a xente se puxese a rir.

Ignoro se este recordo xuvenil é a causa da aversión que sinto polos chistosos, pero terá algo que ver. Se me é permitida unha confidencia, direi que non me gusta que me conten chistes, aínda que non fago nada por evitalos; simplemente me aburro. Esa é a razón de que eu tampouco os conte porque, ao non prestarlles atención, acabo por esquecelos. Por outra parte, sospeito que non debo ter moita graza para este tipo de cousas.

Digo isto porque o meu amigo Álvaro de la Peña escribiu nun libro que unha noite, nunha cea en Asturias, eu contei moitos chistes, todos deliciosos. Agradézolle o cumprido, pero non é certo. Se non recordo mal, pois el mesmo asegura que naquela ocasión os sete comensais bebimos trinta botellas de sidra, o que fixen foi contar algunhas historias. Non moi afortunadas, polo que se ve. Como aquel meu compañeiro de escola, agora carpinteiro, que un día quixo facer un carro e lle saíu un armario; aínda que pareza un chiste.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de xaneiro de 1995.