La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, cando falei aquí do revisor que mataron os atracadores preto de Verín, alá polos anos cincuenta, un amigo daqueles tempos preguntoume se me estaba referindo ao Pedriño Portugués. Díxenlle que non, pois este último debeu morrer de morte natural moitos anos despois. Polo que tirei en limpo da conversa, a confusión viña por un incidente no que este  señor, que era pequeno e moi cortés, estivera a punto de ser tirado pola fiestra do autobús por parte dun matón falanxista, ofendido non sei por que razón.

No altercado participou o meu pai, que se encarou co home feroz e impediu que consumase a barbaridade. Aínda que eu non presenciei o suceso, oíno contar moitas veces, máis fóra da casa que dentro dela. Ese foi un dos motivos que me levaron a sentirme orgulloso de ter un pai xusticieiro, moi educado e tranquilo, pero valente.

Esa era tamén a causa de que naquel autobús, cando estaba de servizo o Pedriño Portugués, os da casa tivésemos trato especial. Eu recordo unha vez que ao chegar á Costa de Allariz, cando había que baixarse e subir a pé, pois o coche non podía coa carga, o citado revisor, ao verme chorar, colleu un pauciño, meteumo na man e púxose a turrar de min, facendo chu-chu coa boca e dicindo que eramos o tren. Aínda que a ascensión era longa, a min pareceume que pasaba nun periquete. E pensar que ao Pedriño o quixeran matar…

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de xaneiro de 1996.