La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai sete ou oito anos, un día, de madrugada, mentres facía tempo no aeroporto de Phoenix (Arizona), nos Estados Unidos, agardando un enlace para ir a California, descubrín ao lado do meu asento unha revista abandonada, que collín para botarlle unha ollada e entreter a espera, que ía para largo. Nada máis abrila, xa me decatei de que non era o que eu pensaba, senón un álbum de cromos, iguais que os que se coleccionaban na miña infancia, dos que recordo un dedicado á guerra de Corea, no que había unha estampa moi rara e polo tanto moi buscada, que representaba o xeneral MacArthur cun grupo de bazookas.

O álbum do aeroporto non era de xogadores de béisbol, antes moi populares entre os rapaces americanos, como aquí o foron nalgunha época os de futbolistas, senón de asasinos. Entre eles  figuraban aqueles tipos que se fixeron famosos por comer as súas vítimas ou por gardar as cabezas no frigorífico, como Jeffrey Dahmer ou Edmond Kemper.

Ignoro se aquela moda seguirá aínda vixente, que espero que non. Coleccionar criminais repugnantes debe ser algo así como coleccionar tripas ou sesos. En todo caso, por riba deses monstros dos que falo e que figuraban naquela colección de cromos de Arizona, no curuto reservado ao primeiro na xerarquía, debía situarse por dereito e méritos propios ese tal Arkan a quen mataron a tiros o sábado nun hotel de Belgrado. Eu hai tempo que seguía a pista das súas canalladas. Cando escoitei a noticia na televisión, confeso que, nun primeiro momento, de maneira instintiva, non puiden reprimir un sentimento de alegría. Logo tiven que reflexionar para poñer a miña alma no seu sitio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de xaneiro de 2000.