La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días, buscándolle algún tipo de lóxica ao comportamento de Saddam Hussein nas últimas semanas, moitos comentaristas internacionais parecen seguir un famoso consello de Disraeli, o cal aseguraba que tratar de entender a política como quen entende a vida doméstica significa situarse de antemán na posición de non entender nada. Iso quere dicir, no caso concreto do dirixente iraquí, que este estivo actuando da maneira que o fixo coa conciencia clara e responsable dun home de Estado, aínda sabendo os riscos que corría.

Polo tanto, a provocación insitente aos Estados Unidos, máis alá de calquera aparencia de cousa irracional ou arroutada, tiña serios fundamentos políticos, previamente discutidos sobre a mesa de operacións por expertos intelixentes e estrategos experimentados. Do que se trataba, probablemente, era de responder aos graves problemas internos creando de novo un inimigo exterior.

Esta explicación, ademais de estar de acordo coa recomendaciónde Disraeli, ten o mérito de non contentarse con análises simples, unha descortesía intelectual que adoita ser case sempre un insulto contra a intelixencia. Non obstante, a pesar do seu valor, esta maneira de pensar, tan coidadosa cos matices, inevitablemente ten os seus fallos. Porque ben puidera ser que o citado Saddam Husseim, tan recalcitrante fanfarrón, usuario entusiasta dunha retórica que a realidade sempre lle chafa, fose tamén un mentecato.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de xaneiro de 1993.