La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Este ano que comeza seremos inundados por Voltaire, o aniversario do cal se cumpre agora, trescentos anos despois do seu nacemento. Antes de que se nos quiten as ganas de falar del, fagamos unha sinxela homenaxe á súa intelixencia. Antes, unha introdución. Como se sabe, o escritor era amigo de Federico o Grande, que o acolleu varias veces no castelo de Sanssouci, en Postdam. Como recordo do paso do filósofo por aquel lugar, aínda se conserva un busto seu, esculpido por F. E. Meyer. É o froito das horas boas.

Das malas, consecuencia das distintas fases polas que pasou a tormentosa relación entre o rei e o seu ilustre convidado, queda a figura dun mono peludo e feo, que o monarca quixo que levase a cara de Voltaire. Forma parte das curiosidades que os turistas aprenden dos seus guías: polo menos quédalles o nome.

Todo o mundo está de acordo en que o autor de Cándido tiña unha boa cabeza. A moitos custaralles máis aceptar o mesmo do rei, por ser prusiano e por ser monarca: hai prexuízos para todo. Como proba do enxeño de ambos, aí van dúas mensaxes cifradas que se cruzaron. Federico envioulle a Voltaire unha nota que consistía nun “P”, separado por unha raia do verbo francés “Venez” (é dicir, “P” partido por “Venez”) logo a preposición “à” e, a continuación, “ci” partido por “Sans”. Voltaire contestou “G” “a”. Daremos a solución.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de xaneiro de 1994.