La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O luns falei aquí do último Tsar e das paixóns que aínda provoca en Rusia, máis de setenta anos despois da súa morte. O certo é que unha porcentaxe non pequena de rusos, sobre todo entre a xente maior, verían con bos ollos a restauración da dinastía, algo que, polo de agora, non parece posible. O único seguro é que para dentro de dous anos, a Igrexa Ortodoxa vai proceder á canonización de Nicolás II, a quen considera santo, a pesar dos moitos pecados que cometeu como gobernante. Todo depende do punto de vista. Se un se fixa nos seus diarios, por exemplo, resulta difícil non pensar que era boa persoa.

No caso improbable de que os rusos volvesen á monarquía, o herdeiro directo dos Romanov sería o último Gran Duque Vladímir, que vive en Londres. Este señor, polo menos no ano 1991, estaba completamente convencido de que ía ser chamado ao Kremlin polos gobernantes do seu país para pedirlle de favor que se fixese cargo da situación, que daquela empezaba a ser cada vez máis complicada.

Unha periodista inglesa, Frances Welch, que escribe para o Sunday Telegraph e desde nena se sente devota da dinastía imperial, visitou ao Gran Duque Vladímir na súa residencia londinense para coñecelo en persoa. Saíu da entrevista completamente decepcionada. A razón foi que o herdeiro do trono lle dixo que el tiña varias cualidades do seu avó Alexandre III, a saber, a capacidade de atravesar as portas sen abrilas e a graza de facer lazos coas culleres e cos coitelos. Confeso que a min xa me cae ben o citado personaxe. Posto a falar, mellor que dixese o que dixo e non que se puxese a dicir parvadas sobre o futuro brillante de Rusia baixo o seu mandato.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de decembro de 1998.