La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Don Pío Baroja dicía de si mesmo que era un home rabioso. Nada máis inexacto. Acaeríalle mellor dicir que era algo roñeta. Esa é a imaxe que transmitiron del as persoas que o coñeceron. Non recordo quen contou aquela historia de que, durante unha tempada, ao chegar as oito da noite, acendía a radio, co volume tan baixo que só el o podía escoitar, arrimaba a orella ao aparato e logo apagaba de novo, sen máis. Un día, alguén quixo saber a razón daquel raro proceder e preguntoulle a que se debía aquela especie de rito. Don Pío, coa calma que nunca perdía, debuxando un sorriso malicioso, respondeu: “Es muy divertido. Todos los días, a las ocho, dicen: ‘Van a escuchar ustedes una charla de don Pedro Mourlane Michelena’. Y yo digo: ¡Que te lo crees tú! Y apago”.

Así non se comporta un home rabioso, senón un chinche. Ou un escéptico. Porque Baroja, a pesar da fama de dogmático que tiña, non cría en case nada. Por iso, nunha ocasión, tendo que xurar ou prometer, ao chegar o momento de tomarlle testemuño, o encargado de facelo, sabedor do agnosticismo do novelista, preguntoulle cal das dúas fórmulas prefería. Don Pío parece que contestou: “Yo, lo que sea costumbre”.

A min sempre me gustou Baroja precisamente por esta maneira de ser. Un non podería imaxinalo armando un lío por xurar ou por prometer, aínda sendo como era un home de principios e de crenzas. O que pasa é que Baroja cría nalgunhas cousas con dúbidas, que semella ser a maneira máis civilizada de crer en algo. Ter certezas absolutas podería compararse con ter unha pistola cargada e sen seguro. En breve, imos asistir ao exame público do home a quen o presidente Bush presenta para fiscal xeral. Polo que contan é un señor moi dogmático e moi categórico, defensor feroz de ideas extremas en case todo. Dito doutro xeito, un individuo coa pistola cargada e sen seguro. Temo que lle poida saír o tiro pola culata. Se se evita que dispare…

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de decembro de 2000.