La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nalgunha ocasión falei aquí dunha reliquia de San Antonio María Claret que tiña eu na miña casa. Era un cacho da súa sotana, metido nun relicario que consistía nunha cruz cunha portiña detrás da cal se gardaba aquel recordo. Foi regalo dun parente meu arcebispo, que non avó, como dixeron o outro día en Segovia, sucesor do santo na diocese de Santiago de Cuba. Por certo que, tal como teño contado, este prelado galego salvou a vida de Fidel Castro cando este asaltou o cuartel de Moncada. Oínllo contar na casa dos meus pais. O propio Fidel o recoñecería publicamente no discurso “La Historia me absolverá”.

Pois ben, esa reliquia, que foi motivo de fascinación permanente para min durante a infancia, acabo de perdela. O sábado pola tarde, despois de xantar, quíxenlla amosar a un rapaz que vén pola casa e que se está preparando en Salamanca para ser misioneiro claretiano, esa boa xente que anda polo mundo facendo ben, e ao abrir a portiña do relicario atopeime que desaparecera o cacho da sotana.

Confeso que sempre que lle amosei esa reliquia aos amigos díxenlles a verdade: que o máis marabilloso do obxecto santo era que probablemente gardaba o segredo dalgúns pecados de Isabel II que, como é sabido, se confesaba co Padre Claret. Aínda que non cómpre ter demasiada imaxinación para adiviñar por onde se achegaba ás portas do inferno aquela señora campechana, gozadora e simpática, casada cun piriflauta, a idea de que a raíña chorara de arrepentida na proximidade daquel pano resultábame moi atractiva. Recoñezo que non debía de ser a forma máis ortodoxa de venerar a reliquia. Non me estrañaría que a perdese por iso.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de decembro de 1997.