La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha palabra castelá que boto de menos en galego é “granuja”. Calquera das moitas que a poden traducir dunha forma aproximada carecen da contundencia expresiva daquela, que reflicte dunha forma rotunda e clarísima a golfería moral dos individuos aos cales se lles aplica. Substituíla por “pícaro” ou “pillabán”, para poñer dous exemplos, non resulta satisfactorio, quizais porque estas últimas teñen tamén un sentido benévolo, de indulxencia ou simpatía, que pode acabar disimulando a cochambre da que se fala.

Hai uns poucos días, lendo nunha revista o artigo dun tramposo, andei buscando na cabeza a palabra que definira a súa impostura. Todas cantas se me ocorreron eran demasiado serias, incluso graves, extraídas dunha tradición gloriosa da decencia que non cadraba co carácter perralleiro e roñoso da actitude do articulista.

A mugre consistía en roubar a moral toda para un e deixar aos demais en pelota, esa postura que de xeito automático nos descobre sempre a un camándula ou a un tunante. O pretexto era  bastante bobo: un xurado e un premio. Tanto ten; valería outro calquera. Mesmo se podería pensar exactamente no contrario, é dicir, en escribir todo o artigo do revés, só con que variasen as circunstancias, os compromisos, as amizades e as conveniencias. Todo, sen variar o ridículo ton sartreano da parvada. Mellor dito, da “granujada”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de decembro de 1993.