La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Desde hai unha tempada, cada vez que nesta columna escribín unha cantidade expresada en pesetas, aparecía entre paréntese a equivalencia en euros. Como eu non puxen nunca tal cousa, supoño que o facían na redacción de maneira automática, quizais como norma para ir habituando ós lectores a esta nova realidade, agora inminente. Foi o que sucedeu no artigo de onte. A propósito dese asunto, pola mañá recibín varias chamadas de algúns amigos, que me recordaron que a bolsa de euros que estes días venden nos bancos, á cal aludía na miña columna, non costa 333 pesetas, como eu dicía, senón dúas mil.
Ó principio non souben qué responder porque non entendía a razón de ter escrito nada ó respecto. Quero dicir que recordaba que en ningún momento me tiña referido ó prezo da bolsa e que, por outra parte, caso de facelo, sabía moi ben que se trataba de dúas mil pesetas. Por fin, púxenme a ler o artigo no periódico. Dicía: «Cumprindo cos deberes dun cidadán precavido, fun mercar a bolsiña dos euros (333 pesetas)».
Dinlle varias voltas ó asunto e non entendín absolutamente nada, ata que un amigo banqueiro, que tamén me advertira do erro, atopou a explicación. A bolsiña dos euros quere dicir, en castelán «la bolsita de los euros», como todo o mundo sabe, pero se a contracción galega dos (de los) se le como palabra castelán e non galega, entón significa dous (dos en castelán). E dos euros son 333 pesetas. Como errata, non está mal. Nos próximos días aparecerán os primeiros chistes. E os nomes raros. Porque estou seguro que haberá xente incapaz de dicir euro correctamente. Da mesma maneira que hai persoas que din Auropa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de decembro de 2001.