La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando o doutor Barnard fixo o primeiro transplante de corazón, hai agora trinta e tres anos, eu escoiteille dicir a un cura enfadado que se o mundo ía seguir polo camiño enlouquecido que levaba, calquera día os científicos serían capaces de poñernos o corazón dun porco, o ril dunha ovella e a cabeza dunha vaca. Divertido polo que se lle acababa de ocorrer, o bo do crego estendeuse en comparacións semellantes e chegou á conclusión de que nese futuro de loucura colectiva habería xente que podería reclamar que lle puxesen o rabo dun mono, aínda que el persoalmente avogaba porque a todos nos puxesen orellas de burro, o apéndice máis  apropiado para un mundo de acémilas que se empeñaban en darlle as costas a Deus Noso Señor.

Menos mal que ao saír da igrexa, o sentido común do meu pai devolveume a tranquilidade de espírito cun breve comentario: “¡Quen faría cura a este burriño!” Dun xeito non moi distinto do empregado por aquela alma silvestre, hai xente que se pronuncia negativamente, quizais só cun pouco máis de verniz, respecto dos avances da xenética. O último escoiteino o outro día na radio, un home furioso contra a ciencia.

A furia víñalle de que un biólogo acababa de dicir que el era partidario de que dúas persoas cun mesmo error cromosómico, capaces de transmitir unha grave enfermidade, non puidesen casar legalmente. O outro caeu contra el como se fose Xúpiter chuspindo lume pola boca, non para discrepar ou discutir unha afirmación certamente arriscada, senón para liquidalo por canalla. De nada serviu que o biólogo lle dixese que a lei prohibe o matrimonio entre parentes próximos ou que case todas as igrexas se opuxeron no pasado ou se seguen opoñendo na actualidade aos enlaces mixtos, sen que isto cause demasiado escándalo, e que en todo caso non era máis que unha opinión exposta con serenidade. O coloquio rematou cunha frase fantástica: “As súas opinións gárdeas vostede onde lle caiban”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de decembro de 2000.