La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Tiña eu un amigo en Ourense, afeccionando ás armas curtas e ás escopetas, que estaba obsesionado con matar un reiseñor. Non se trataba de ningunha rareza de tipo cinexético nin sequera dunha manifestación perversa de calquera maldade oculta. Máis simple: o canto do paxaro, que procedía das árbores dun xardín veciño, non o deixaba traballar. Tan pronto empezaba a soar aquela sinfonía, o meu amigo pasmaba de tal maneira que non conseguía concentrarse no que tiña que facer. Foi así como lle veu a idea á cabeza.

Non se trataba da pose elegante dun intelectual que busca sorprender con algún tipo de extravagancia, pois en varias ocasións tivo desgustos cos veciños polos disparos que fixo desde a galería da súa casa. Non sei que sería do reiseñor, porque o meu amigo xa morreu, pero supoño que andará tamén polo lado de alá.

Acordeime de ambos dous hoxe pola noite porque un paxaro non me deixou pegar ollo. Non sei se estes animaliños padecen loucura, como a xente, pero un comportamento tan anormal faime pensar que si. O caso é que pola miña cabeza andou rondando tamén a decisión de matalo. O pero é que cando me sorprendín a min mesmo con ideas tan ruíns dentro da alma incrementouse aínda máis o desgusto que sentía por non durmir. Debo dicir na miña defensa que o paxaro cantaba  de forma desagradable, como unha galiña.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de decembro de 1994.