La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Antes de onte vin na televisión unhas imaxes documentais que foron talvez das que máis me levan impresionado na miña vida. Nelas víase a un neno de tres aniños, que despois de naufragar nos rápidos furiosos dun río, por onde navegaba co seu pai, que morreu afogado no accidente, aguantou agarrado ás ponlas dunha árbore, con medio corpo metido na corrente, durante varias horas, ata que foi rescatado polos servizos de socorro nun traballo con moitos riscos e milimetricamente calculado. Nas imaxes sobrecollía a cara do pequeno, dunha serenidade e determinación máis propias dun adulto que dun neno da súa idade.

Onte, afectado aínda polo que vira, comentei o feito cuns amigos, que coincidiron todos en destacar, cada un cos exemplos que coñecía, a capacidade de resistencia dos rapaces. Alguén contou a historia dunha nena que caeu nun pozo de sesenta metros, de poucos centímetros de ancho, e que foi sacada de alí ao cabo de varias horas sen sinais de angustia na cara. De aí pasouse a falar do enxeño dos nenos, da súa espontaneidade e intelixencia. Nisto, todo o mundo tiña tamén as súas cousas que contar.

A que máis me chamou a atención tivo como protagonista un fillo duns amigos meus, ao cal un día, mentres ía de excursión cos pais, deulle unha perrencha obsesiva, que materializaba na repetición, acompañada de choros, dunha frase que acabou converténdose nunha letanía: “¡Quero moras!” Farta de escoitalo, a nai, en actitude pedagóxica, díxolle: “A palabra querer está prohibida nesta casa”. Entón, o rapaz, deixando de chorar durante uns instantes, mirou para a nai e preguntou: “¿Está prohibido tamén dicir moras?”

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de decembro de 1999.