La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, no artigo onde falaba de Gonzalo Torrente Ballester, utilicei a palabra “columpio”, que un amigo me acaba de reprochar por teléfono, propoñéndome o uso dun termo máis  lexitimamente galego, como “randea” ou “carrinchán”. Ten razón. A verdade é que me pasou pola cabeza no momento de escribir, pero quizais porque estaba falando de naturalidade, unha actitude que confeso que me atrae como o azucre ás moscas, fóiseme o gusto cara a ese lado. É dicir, que nesta ocasión perdeu a pureza.

Entre a pureza e a naturalidade, quédome coa primeira.  Por suposto, falo soamente de gustos persoais, non de fanatismos estéticos nin de normas literarias. Non pretendo que a todo o mundo lle gusten as mulleres bonitas sen pintar nin que prefiran o peixe á parrilla, quero dicir á grella, para que non me volvan rifar.

Con todo, se eu tivese que substituír o vocábulo castelán “columpio” por un galego, non pensaría en ningún dos dous que me recomendou o meu amigo, con seren ambos ben bonitos. Eu poría “pirincoia”. En primeiro lugar porque soa moi ben, con esa graza e elegancia volátil que teñen os bambáns cando van polo aire. En segundo lugar porque non vén nos dicionarios. E por último porque sempre é posible que algunha das persoas que se dedican a facelos, lea este artigo e se decida a salvar esta palabra.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de decembro de 1993.