La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, cando estabamos vendo o belén de Arturo Baltar un grupo de amigos xunto co escritor Manuel Vicent, apareceu por alí o escultor. Tivemos así a sorte de que nos explicase aquela marabilla, unha xoia que por si soa xustifica unha viaxe a Ourense. Por primeira vez souben o significado dalgunhas das figuras, todas coa súa historia particular, vinculada case sempre á vida do artista, da súa familia ou dos seus amigos. Había ademais o interese propio do autor, unha das personalidades máis ricas que habitan neste país.

Contounos, por exemplo, por que lle deu tanta importancia a unha escena na que se ve unha cabra subida no alto dunha escaleira de man, rodeada dun público inocente que contempla feliz o pobre espectáculo. Díxonos que, en realidade, a cabra era un autorretrato, afirmación sorprendente aínda nun home como Arturo Baltar.

A cousa ten a súa lóxica. Cando era rapaz, o escultor marchou mundo adiante cunha compañía de xitanos que se dedicaban aos títeres. Un dos números fortes consistía precisamente na actuación do animal, ata que un día, vencidos pola fame, tiveron que matalo e comelo. Coidáronse, iso si, de salvar a pel. Dese xeito, a fin de non arruinar o negocio, botábanlla ao neno polo lombo, que facía de cabra. Cando nos contou esta historia entendín de que tristeza sae a inocencia que se reflicte nos rostros das figuras do belén.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de decembro de 1997.