La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polo ano 1961, o escultor ourensán Arturo Baltar aseguraba que tiña cincocentos catro anos. Eu oínllo dicir varias veces de viva voz e nunha ocasión comprobei que o dicía nunha entrevista que lle fixeron no diario Pueblo de Madrid. Aquela vez, diante do escepticismo do  periodista, puxo como testemuña a Vicente Risco. Uns días despois, cando Baltar regresou a Ourense e se presentou na tertulia do Café Parque, don Vicente protestou porque o citase como aval de algo que non podía avalar. Díxolle: “Pero home, ¿como vou eu probar que vostede ten cincocentos catro anos, se eu non teño máis que setenta e sete?” Sen inmutarse, Baltar limitouse a comentarlle: “Por certo, don Vicente, aínda me acordo do guapiño que estaba o día que fixo a primeira comuñón”.

Segundo as miñas contas, Arturo Baltar, que nunca deixou de defender esa idade, debe andar agora polos cincocentos corenta e tantos. Foi o que me dixo hai un mes Augusto Valencia, amigo do escultor. Para quen non coñezan a este grande artista do barro, digamos que non aparenta ter máis de setenta e poucos e que incluso se lle poderían botar algúns menos.

Os periódicos de onte falaban dun señor italiano que acaba de recibir o título que o confirma como o home máis vello do mundo: cento once anos cumpridos. A distinción foille outorgada polo libro Guinnes, que é o que certifica cal é a tortilla máis grande do mundo, ou a cabeza máis gorda, ou o individuo que máis centos de ovos comeu dunha sentada. Un libro de monstros e despropósitos, no que caben o infinitamente desmesurado e o infinitamente minúsculo, desde o elefante ata a pulga, pasando polos rañaceos. Agora meten nel a este señor italiano, que non fixo outra cousa que vivir un pouco máis que o común da xente. Nunca meterán, en cambio, a Baltar, pois carece de certificados. Só faltaba que para demostrar que se teñen cincocentos anos, houbese que presentar unha acta notarial.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de decembro de 2000.