La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Dicía Albert Camus que un fusilamento non se parece en nada ao que pode imaxinar a xente que nunca o presenciou. En primeiro lugar, o pelotón dispara a unha distancia tan curta que case toca cos fusís o corpo do condenado. Despois, o boquete que lle abre no peito a descarga é como o buraco que fai un sacho cando se cava na terra. Finalmente, o tiro de graza, auténtica rúbrica salvaxe que normalmente executa o oficial que manda o pelotón, levanta ao reo do chan varios centímetros e déixalle a cabeza estoupada e desfeita dun lado.

Ademais da dramática testemuña de Camus, a televisión ten ofrecido en moitas ocasións  reportaxes sobrecolledoras, filmadas en vivo no lugar dos feitos, que nos mostran todo tipo de execucións. Resulta imposible, contemplando esas escenas, non deixarse arrebatar por un sentimento de noxo, de indignación e de piedade, pero tamén de vergoña por pertencer a unha civilización tan cruel e inhumana.

Por iso un non acerta a comprender que pintan a Igrexa católica e o seu novo catecismo neste ritual macabro, tan pouco cristián. Dá pena escoitar o cardeal Ratzinger, facendo e perfilando matices imposibles, como se en vez de ser un señor que profesa a doutrina de Cristo, fose un home de Estado, un fiscal ou un xuíz sen entrañas. Desde logo, custa moito entender a alguén que, a pesar do Evanxeo, aínda non ten chegado a esa posición, simplemente humana, que considera que a pena de morte é sempre unha mostra de barbarie.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de decembro de 1992.