La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Neste mesmo periódico, no día de onte, Marina Mayoral comentaba, no seu artigo semanal das páxinas de opinión, unha columna miña de hai unha semana ou cousa así, cando contei como sorprendín nos lavabos dun restaurante a un señor que lavou as mans antes de acudir ao urinario e non ao revés. A min, como expliquei entón, pareceume un exemplo de narcisismo, quizais porque ignoraba que esa práctica non é tan infrecuente como eu pensaba. A propia Marina cita no seu artigo unha frase escoitada nunha película de cine, na que o protagonista clasifica os homes en dúas clases: os que lavan as mans antes e os que as lavan despois.

Nisto sucedeume algo semellante ao que me ocorreu unha vez que me preguntaron, como parte dunha enquisa realizada entre escritores de toda Europa, non sei para que, se escribía sentado, de pé, de xeonllos, na cama, tirado no chan e non lembro que variantes máis. Respondín que, naturalmente, eu escribía sentado. Pero resulta que non era tan natural.

Respecto da segunda parte do artigo de Marina Mayoral é certo que cando regresei do lavabo e lle referín a historia aos amigos cos cales ía compartir a cea, ela preguntoume se polo menos a cousa merecía a pena e que eu lle contestei modosamente que non me fixara. Marina non sabe que neses sitios, os homes nos comportamos só de dúas maneiras: ou mirando para o teito, nalgúns casos asubiando, ou concentrándonos no noso, nalgúns casos chuspindo. Nunca, observando ao que está ao lado. Só coñezo unha excepción, Juan José Millás, que como contou, cometeu esa indiscreción. Pagouno caro: atopouse cun bogavante.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de decembro de 1999.