La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De todo canto se está dicindo e escribindo sobre Franco nestes días, dedúcese que era unha figura pouco humana, sen sentido do humor, bastante cruel. Resultaría moi difícil imaxinalo facendo o pallaso diante dunha cámara de cine, ensaiando pasos de baile deliberadamente cómicos ou sacándolle a lingua ao obxectivo, como Hitler. Anda por aí unha cinta na que se pode ver ao Führer en tal actitude, o cal non lle resta un pelo á súa condición de monstro, pero convérteo tamén nun ser humano como os demais, polo menos naquela ocasión.

Tampouco podería ninguén imaxinar a Franco metido en líos de saias, como outros ditadores. As rapazas coas que saíu, entre elas unha señora de Ourense que eu coñecín, descríbeno como un individuo correcto, frío e aburrido, deses que xogan ao parchís en familia os domingos pola tarde. Nada que se poida comparar, por exemplo, coa golfería de Benito Mussolini, un punto filipino coas mulleres.

O mesmo Salazar, que era igualmente antipático, parecía menos solemne e morreu tamén dunha forma máis doméstica: partiulle a cadeira na que estaba lendo o periódico e desfixo a cabeza. Tiña ademais aquela ama de chaves, dona María, que criaba galiñas no xardín que se estende entre a residencia do primeiro ministro e o Parlamento. Como Salazar non tomaba máis dun ovo diario, pasado por auga, dona María dedicábase a vender os sobrantes entre o vecindario, que polo visto llos estimaban moito, pois parece que eran grandes e bos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de novembro de 1992.