La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nos Estados Unidos existe desde hai pouco tempo unha asociación, da que forman parte físicos, matemáticos e homes de ciencia en xeral, preocupados por un fenómeno novo de tipo inexplicable. Todos eles teñen a experiencia de recibir mensaxes nas pantallas dos seus ordenadores sen que poidan entender a súa orixe. Non se trata dunha broma. O que pretenden agora é atopar as causas dun fenómeno que, se fose verdadeiramente misterioso, carecería de explicación. En caso contrario, será calquera bobada.

O que chama a atención é o tipo das mensaxes recibidas. Un físico de Boston, por exemplo, atopou unha frase que dicía: “Coida o catarro, que nos próximos días vai facer máis frío”.  Outros colegas contaron cousas parecidas, é dicir, saúdos ou palabras interesándose pola familia. Todo sempre nun ton amable e positivo.

Nunha revista que trata deste asunto, lin un artigo no que o autor, un tal Richard W. Biggs, se queixa da contradición que existe entre a trivialidade doméstica das mensaxes aparecidas nos ordenadores e o seu carácter pretendidamente misterioso. Non estou de acordo. Se as frases fosen máis solemnes, do estilo de “a fin do mundo está preto” ou “o mundo camiña cara a  unha catástrofe se non vos arrepentides”, habería que pensar nunha trampa. Non hai ningún ser misterioso que escriba parvadas semellantes.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de novembro de 1996.