La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Tiven un profesor nos meus tempos de estudante de bacharelato que era un home elegante e educado, extremadamente respectuoso cos alumnos, co cal cheguei a manter, cando eu xa rematara a miña carreira, unha amizade que por desgraza durou pouco porque el morreu deseguida. Un día, aquel señor tranquilo e bondadoso descubriume para a miña sorpresa que en calquera corazón, aínda no máis ecuánime, pode aniñar a serpe velenosa do odio máis terrible. Díxome que lle desexaba a morte a un home.

Estouno vendo, sentado nunha terraza, un día espléndido de sol, cando a alegría que se sentía na rúa invitaba á paz, unha sensación que ademais transmitía sempre aquel cabaleiro dunha maneira natural. Nun instante, cando me librei do desconcerto que me causou, intuín que horror pode albergar incluso unha alma nobre.

Onte mesmo chamei por teléfono a un amigo, unha persoa a quen sempre considerei pouco dada ás grandes paixóns escuras do corazón e levei unha sorpesa, esta vez tinguida de aspectos máis amables. Anuncioume que estaba a punto de ver un partido de fútbol na televisión, non coa esperanza de que gañase o seu equipo, que non xogaba, senón co desexo de que perdese o outro. Confesoume que sente tal odio por un periodista forofo dese club, que gozaba só coa idea de imaxinalo rabiando cunha posible derrota.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de novembro de 1994.