La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Conta Chesterton que había en Inglaterra un xuíz chamado Basil Grant, que un día perdeu a razón en plena vista, no momento de ditar sentenza. A cousa non ocorreu de repente, senón pouco a pouco, de maneira graduada e sucesiva. A primeira mostra de que o maxistrado non andaba ben da cabeza deuna cando empezou a rifarlles aos delicuentes, aos que acusaba de egoísmo, de debilidade de carácter e doutros defectos que nada tiñan que ver coas infraccións da lei que os conduciran diante do tribunal.

Máis adiante, das rifas pasou a facer consideracións sobre os acusados que se podían interpretar se non como insultos, polo menos como reconversións dunha gran dureza, incluso como faltas de caridade. A un primeiro ministro chegou a dicirlle: “Búsquese outra alma. Iso que vostede ten non serve nin para un can”.

A explosión chegou no xuízo que presidiu contra dous financeiros, acusados ambos de grandes defraudacións. Despois de escoitar as argucias e a retórica dos avogados, empeñados en ocultar baixo unha morea de palabras nobres a capacidade de rapina dos dous senvergonzas, o maxistrado púxose de pé, gardou silencio durante uns momentos e empezou a cantar: “Tarará, tarará, tararí, tararí”. Nunca, desde que lin esta historia por primeira vez, entendín por que Chesterton lle chama tolo a este xuíz.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de novembro de 1995.