La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Tardei en decatarme de onde me viña aquela incomodidade. Ao principio pensei que todo dependía da véspera: tertulia nocturna cos amigos ata altas horas da madrugada, tabaco, falta de sono… En fin, todos eses praceres que se pagan con atraso. Pero non tardei en advertir que máis que a incomodidade da resaca, que adoita ser espiritual e difusa, o que eu sentía era dolor física, exacta e inmediata, localizada en puntos moi concretos das costas, de maneira especial naqueles onde hai máis ósos que carne.

A culpa era da cadeira. Xa cando a vin, sentín algo de alarma. Atopeina demasiado aparente, como esas persoas que se proclaman tanto a si mesmas que xa sabemos que nos menten. Para ser unha cadeira, como para ser un individuo decente, abonda coa sinxeleza. Despois de todo, un non pretende outra cousa que sentar.

Dáme a impresión de que a persoa que deseñou o artefacto pensou máis en si mesma que nos demais. É bastante frecuente. Un vai polo mundo descubrindo obxectos de uso práctico que non serven para nada, pero que lle valeron ao autor para soñarse como artista: repuxados coitelos que non  cortan, estilizadas lanternas que non alumean, mecheiros quenon acenden, bolígrafos que non escriben. É como se alguén levase os calzóns na cabeza. Unha simple gorra parece máis bonita.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de novembro de 1993.