La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha vila de Ourense, hai anos vivía un volteriano rabioso que dicía que era inimigo persoal e irreconciliable de Noso Señor Xesucrito. Era un tipo gracioso e popular, que durante os tempos da República desfixo unha procesión de beatas cun bote de pementos morróns, simulando que se trataba dunha bomba. O destino quixo que  a súa vida, que durante a guerra correu o perigo que non resultará difícil imaxinar, se salvase grazas á intercesión do mesmo cura a quen lle fixera centos de perradas, entre outras machacarlle cunha pedra a placa do Sagrado Corazón que tiña clavada na porta do patio.

A verdade é que o personaxe era un pobre home, ignorante e fatuo, cunha confusión mental duramente conquistada, na que se misturaban estudos de maxisterio, lecturas imposibles de filósofos que sobrepasaban os límites estreitos da súa cabeza, e o sal groso dun inxenio no que efectivamente brillaba a luz clara dun talento seguro. Era todo. O demais, carecía de interés,  pois sobráballe a seguridade sificiente con que se refería a cuestións para as cales carecía de calquera sensibilidade cultural que lle permitira, non digamos xa comprendelas, senon saber simplemente de que se trataban.

Non fará falta que diga que me era antipático. Direi, en cambio, que nunca despertou en min outro tipo de sentimentos maiores. E débolle, iso si, a imaxe cómica que teño de todos os dogmáticos, medren no eido que medren. Eses individuos que falan con seguridade, case sempre acompañada de irritación e furia descalificadora, de calquera idea, doutrina, conduta ou comportamento diferente daqueles nos que cren, parécenme exemplares magníficos do horto marabilloso e vizoso do ridículo. Un horto, que se moitas veces non fora regado con sangue e con bágoas, sería unha das creacións máis gloriosas da estupidez humana.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de novembro de 1991.