La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Dicíame onte un amigo, en relación co artigo no que eu confesaba a miña devoción polos raposos, que a el lle gustaría máis que tivese asumido a defensa das galiñas. Non estou de acordo. En primeiro lugar porque, en cuestión de simpatías, un non pode loitar contra as querencias do corazón, a non ser que faga como unha amiga da miña nai que visitaba os enfermos pobres da parroquia aínda sabendo que ao volver á casa sentía ganas de vomitar. Os amores forzados non son amor, por mais que  tampouco saiba o que son.

A min, as galiñas non me caen simpáticas, entre outras cousas porque son feas e ridículas. Teñen, ademais, algo de traidoras. Cando lle rouban a merenda a un neno, por exemplo, fano con aleivosía, achegándose suavemente, como se nada, para lanzar logo un picotazo rápido e seguro. Seino por experiencia.

Iso non quere dicir que lles negue o que lles corresponde. En cuestións de xustiza, convén separar as antipatías dos dereitos. E unha galiña, igual que un raposo, merece toda a consideración que se lle debe, pero non a que reservamos ás vítimas. Porque así como o zorro mata pitas, estas matan tamén a súa particular bichería, incluídas as miocas. A necesidade de comer convértenos a todos en depredadores para os demais. Desde logo, sabendo o que sei, se fose un bichiño, fuxiría da xente como do mesmísimo demo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14  de novembro de 1996.