La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día vin na televisión un antigo militar que falaba, a verdade é que con moita serenidade, dos cambios que se están producindo na sociedade moderna, non só en España, respecto do sentido da autoridade. Non se queixaba, senón que describía a situación. Pareceume un home intelixente e tranquilo, relaxado e con humor. Como proba, contou algunhas historias da súa vida profesional, como a dun soldado que o parou facendo auto-stop e cando o recoñeceu, botouse a correr coma un tolo, campo a través.

Respecto disto da autoridade, á xente cústalle ter sentido da medida. En xeral, case todo o mundo é moi radical cando se trata de aplicárllela aos demais e moi comprensivo á hora de aplicala a un mesmo. Xa teño contado a peripecia daquel fiscal de Xinzo que quería pedir a pena de morte para un rapaz que lle pegara á nai.

Con todo, o exercicio da autoridade máis quimicamente pura que coñezo tivo que ver cun amigo meu, antigo reitor de universidade, que un día, arbitrando un partido de fútbol no cuartel, cando facía a mili, pitou unha falta. Un dos xogadores prexudicados, que era capitán, indignouse tanto que lle arrincou o pito da boca. No medio da liorta saltou ao campo o coronel do rexemento, que lle preguntou qué tiña pitado. O árbitro, en posición de firmes, dixo que penalti. “¡Pois penalti!”, decretou o mando. E acabouse a discusión.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de novembro de 1997.