La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un patriota irlandés

No ano 1916, o goberno británico aforcou a un nacionalista irlandés, Roger Clement, que desde entón é considerado un heroe no seu país. Moito tempo despois, en 1959, un editor inglés fíxose cos diarios íntimos do mártir e atreveuse a publicalos. O atrevemento consistiu en superar o temor que lle inspiraba enfrontarse á imaxe dun home que para moitos dos seus compatriotas tiña o carácter dun mito intocable. Neses cadernos privados, Clement confesaba a súa condición de homosexual.

Pódese aforrar calquera comentario sobre as reaccións que se produciron en Irlanda cando se deron a coñecer os diarios. Os máis benévolos limitáronse a negar a autenticidade dos textos. Os máis malvados acusaron o editor de manipular a historia. Os máis estúpidos dixeron que era un axente ao servizo dos ingleses.

Ninguén se atreveu entón a ser valente e dicir o único sensato que se podía dicir, que o feito de que … Seguir leyendo

Unha práctica perigosa

Estes días pasados, co motivo da campaña electoral, conteino varias veces, polo menos en dúas emisoras de radio. É unha historia que circulou en Lisboa hai anos e que o protagonista lle confirmou como rigorosamente certa a un amigo meu. Sucedeulle a Mário Soares nunha das campañas que fixo para a presidencia de Portugal e a culpa do disparate foi dos seus asesores de imaxe, empeñados en que o candidato debía de cultivar a  práctica, polo demais bastante frecuente, de bicar os nenos en público.

O acto estaba programado e previsto. Os expertos dixéronlle a Soares que nunha vila onde tiña que falar, ao pé da tribuna prevista para a ocasión, estaría colocado un rapaciño, xusto un par de metros antes das escaleiras. Cando chegou o momento, o famoso político portugués cumpriu de maneira disciplinada co mandado.

A sorpresa xurdiu cando tiña o neno alzado nos brazos, á altura do … Seguir leyendo

A utilización do cerebro

No xuízo que se celebrou hai xa tempo contra Totó Riina, un dos xefes da mafia italiana, o fiscal acusouno de ser o cerebro da organización. Coa voz suave que adoita usar cando fala en público, poñendo cara de paisano infeliz e maltratado, o criminal respondeu que a honorable sociedade non estaba rexida por ningún cerebro, senón por un gran corazón. O fiscal, irritado polo cinismo do elemento, pero sen perder a calma, aproveitou para facer unha reflexión: quizais era certo o que dicía, pero seguro que se equivocaba de víscera.

Onte mesmo, os periódicos falaban dun terrorista exipcio que a policía do seu país considera tamén un cerebro, neste caso o que dispuxo o atentado contra o escritor Naguib Mahfuz, Premio Nobel de Literatura, a quen lle pegaron unha navallada de cabrito no pescozo e estiveron a punto de mandalo para o outro barrio.

En principio, concibir un crime … Seguir leyendo

Problemas inventados

Hai anos coñecín na casa de Ramón Piñeiro un home educado e culto, de porte elegante e trato moi agradable. Era na época de Franco e viña en viaxe política clandestina, aínda que non recordo a misión concreta que traía. Lémbrome, iso si, de que o personaxe me cativou pola súa sensibilidade e a súa intelixencia. Anos despois, convertido nunha figura relevante da vida política española, empezou a dicir e facer insensateces e desatinos a tal velocidade que moi pronto se converteu para moitos nun tipo moi pintoresco.

Agora leo nos periódicos que o partido do que forma parte acordou iniciar unha campaña para poñer en cuestión a monarquía. Ou moito me equivoco ou a proposta saíu da cabeza daquel home. Como se sabe, as cabezas non serven para todo. Dicía Unamuno, por exemplo,  que a vantaxe de xogar con frecuencia ao xadrez é que desenvolve moitísimo a intelixencia para … Seguir leyendo

Unha mirada

Cando eu era neno e pasaba algúns días en Lamas, preto de Xinzo de Limia, estaba fascinado polas escaleiras de pedra dunha casa que había ao lado da igrexa parroquial. Alí, uns anos antes, un home matara a súa muller cun coitelo de sangrar os porcos. Desde entón, o asasino estaba en presidio cumprindo a pena de cárcere. Un día, pouco tempo despois, correu a noticia de que o puñan en libertade. Naturalmente, eu sentía curiosidade por velo, aínda que debo dicir que tiña del a imaxe do que debía ser un monstro.

A primeira vez que o vin, creo que ía atravesando a ponte sobre o río Limia, alá polo campo da feira. O aspecto non era malo, aínda que gardaba certa semellanza cunha alimaña, non por cousas da alma, senón porque parecía un bicho esquivo e cauto, coa mirada nerviosa, como se temese un asalto ou unha emboscada.… Seguir leyendo