La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado, durante unha cea de amigos, o anfitrión, despois do primeiro café e co fume dos puros impregnando de aroma cubano o ambiente do salón, sacou un libro dun estante e leunos en voz alta unha historia que lle parecía divertida. Trataba dun frade español do século XV, non recordo agora o seu nome, que era tan estimado polos Reis Católicos que estes o recibían a calquera hora na intimidade do seu palacio, aínda que os reis se atopasen no retrete, pois mesmo entón o invitaban a sentarse ao seu lado.

Despois da lectura, falouse tamén de Luís XIV, de quen algún dos asistentes recordou que recibía no mesmo lugar, en plena función, mentres que os invitados facían exclamacións admirativas polo perfume que lles chegaba, dándolle deste xeito a un acto humano e vulgar unha dignidade real da que carecía.

Non sei o fundamento que ten a historia de Luís XIV, pero estou seguro que é certa a que se refire aos Reis Católicos. Sen dúbida ningunha, os soberanos recibían no retrete as persoas de confianza. O que sucede é que no século XV esa palabra non designaba o mesmo que designa hoxe, senón un cuarto pequeno e retirado. De rapaz, lendo un libro do padre Lapuente, atopeime coa seguinte frase: “Ven, Señor, comigo ata o retrete”. O escándalo durou ata que alguén me sacou da ignorancia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de outubro de 1993.