La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado, a iso das doce, aproveitando que o tempo non era malo, subín ata o Alto da Groba para dar un paseo e facer unhas fotos. Desde o cumio do monte, as vistas son espléndidas, coa Ramallosa ao pé, Praia América un pouco máis lonxe, logo as illas Cíes á esquerda, e do outro lado os montes de Portugal. Cando vivía o meu pai, con frecuencia subiamos ata alí, e ao chegar á fonte que hai no curuto, sempre dicía o mesmo: primeiro preguntábase en voz alta como podía saír auga a aquela altitude e despois, contemplando a paisaxe, remataba por facer unha reflexión sobre o pouco que somos as persoas. Tan pouco, que el xa desapareceu e os montes, que nin senten nin pensan, aínda han durar milenios.

Onte, ademais da cámara, levei comigo uns prismáticos: sentía curiosidade por ver a miña casa desde alá. Tardei en localizala, pero ao cabo dei con ela. Vista de lonxe, non parecía máis grande que calquera das casiñas de xoguete que teño na maqueta do tren, pero con xente dentro, e co gato Samuel, e coas cadelas Leda e Buba, e cun sapo que polas noites se pasea por diante da porta e que está nun tris de entrar a formar parte da familia. Todos destinados a desaparecer un día, ao revés do que sucede cos montes e co mar.

Cando andaba eu nestas cavilacións, apareceu por alí outro compañeiro de fraxilidades, un cabalo deses que os donos deixan soltos no monte todo o ano. Era pequenote e de cor marrón, cunha raia branca que lle baixaba desde a testa ata os beizos. Pareceume bonito e decidín facerlle unha foto, de maneira que tirei de cámara, instalei un teleobxectivo e púxenme a enfocar. Nese momento miroume con cara de terror, deu un salto e fuxiu ao trote entre os piñeiros. Entón decateime de que o acababa de ameazar. Despois de todo, unha máquina fotográfica parécese bastante a unha pistola e ao acto de tirar a foto chamámoslle disparar. O que ignoro é como o cabalo podía saber todo isto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de outubro de 2000.